Saturday 04 de May de 2024

A carreira 15k Arousa Norte atravesará os municipios de Riveira, A Pobra e Boiro


A cita terá lugar o 11 de xuño con saída dende o Náutico riveirense

Unha nova proposta engrosará o calendario de eventos deportivos que buscan seguir incentivando os municipios do noso entorno como destino turístico. Trátase da carreira 15K Arousa Norte: unha proba que o vindeiro 11 de xuño descorrerá polas localidades de Riveira, A Pobra e Boiro.

A cita foi presentada hoxe no Consistorio polo alcalde de Riveira Manuel Ruiz, o concelleiro de Deportes de Boiro Nolo Romero; Maruxa Ledo, xerente da mancomunidade; Ivonne Pousa, manager do Banco Mediolanum, patrocinador principal da cita; e Serafín Martínez como coordinador deportivo en representación de Qualité Sport.

A proba intégrase nunha iniciativa denominada 15 Series Mediolanum que alberga catro carreiras desta tipoloxía, unha por provincia galega: Ourense (disputada fai dúas semanas), Arousa Norte, Oia-A Guarda e Foz-Burela.

Dende a organización se fixo fincapé no atractivo da distancia, situada entre as probas de 10.000 metros e a media maratón. Os participantes sairán ás 11 horas dende o entorno do Club Náutico de Riveira para realizar un percorrido que se desenvolverá case na súa totalidade pola estrada AC-305 e concluirá probablemente na zona peonil de Boiro.

Inscricións
Os interesados poden inscribirse en https://championchipnorte.com/ ata o vindeiro mércores. De momento hai máis de 140 anotados pero as previsións apuntan a estar entre os 400 e os 500 participantes.

Manuel Ruiz manifestou a súa satisfacción por que Riveira poida albergar un tramo desta proba e desexou que veña moita xente de fóra para que poida coñecer os atractivos da comarca: un desexo compartido por Nolo Romero, quen sinalou a importancia de achegar o deporte aos veciños. Pola súa parte, Maruxa Ledo manifestou que este é un dos eventos que se pretende sexan estables no calendario de Arousa Norte.

Solidaria
Ivonne Pousa explicou que esta carreira ten un compoñente solidario pois dentro dunha iniciativa denominada “Mediolanum Aproxima” quen o desexe poderá mercar unhas pulseiras cuxa recadación irá destinada a ONGs locais.

Por último, a organización advertiu que emprenderá unha intensa campaña informativa para que os veciños sexan coñecedores sobre todo das restricións de tráfico derivadas da celebración da proba, xa que haberá que cortar a circulación nun carril da AC-305 entre as 11 e as 13 horas aproximadamente.